Licenciado en Xeografía e Historia, é asesor do Centro de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e profesor do Curso de Creación e Interpretación Literaria da Universidade de Vigo.
Colaborador habitual nos medios de comunicación, presenta e dirixe o espazo cultural Oficio de Palabras na TVG.
Escritor e tradutor, publicou máis de 30 libros e innumerables artigos xornalísticos, que teñen sido galardoados con numerosos premios e traducidos ao castelán e a outros idiomas.
Asimesmo, colaborou en estudos sobre lingua e literatura, como Antoloxía da Literatura Galega, Letras Galegas ou Unha semana e media de teatro.
A súa carreira literaria comeza en 1984 co poemario O esculpido sorriso dos teus beizos, xénero ao que regresaría con posterioridade. En 2000 publica a novela Ébora. Outras obras súas son O infortunio da soidade; Un xogo de apócrifos, A última memoria de Oliverio Twist, Talvez melancolía; A rosa de Borges (incursión na literatura fantástica); Ámote; A vida nova de Madame Bovary, Blue Moon, Os séculos da lúa; etc. Con Un último destino (2010) pechará o ciclo iniciado en 1992 con O infortunio da soidade.
Autor polifacético, dentro do xénero ensaístico, publicou Os dominios de Caín, sobre estética e liberdade na literatura, e O buscador de nada, unha compilación de artigos e ensaios. Na súa produción destaca o libro Jorge Luis Borges, sobre a obra e a vida do autor arxentino. En 2010 publica antoloxías de M. Lueiro Rey, Manuel Antonio e Celso Emilio Ferreiro. De bar en bar. Para abrazarte escribo aparece en decembro de 2006. Como autor de narrativa breve, publicou os libros Triloxía dos tristes; A máscara de Ulises ou As flores en Irlanda. En Estado permanente de fracaso reúne unha selección de relatos premiados en diversos certames.
Entre os seus variados proxectos literarios atópase El libro de los besos y la niebla, unha colección de prosas breves, e Despois de ti, a chuvia, un librodisco co cantautor Emilio Rúa.